Cámara Negra presenta "Brand"

Sinopse
Cámara Negra pon en escena, por primeira vez en España, BRAND, un dos primeiros textos de Henrik Ibsen, escrito en 1865, e un dos máis importantes da súa produción, aínda que dos menos representados. No instante da súa morte, as pantasmas dos seus medos, os seus fracasos e as súas obsesións, visitan a Brand. Pero, quen é o BRAND de Ibsen? Como xulgalo cos ollos do século XXI? A súa historia é unha traxedia ou unha sátira?
BRAND é un home comprometido co seu mundo e a súa época, e, á vez, un home terriblemente egoísta e individualista. BRAND é un profeta e un fanático fundamentalista. BRAND é a provocación e é a lei. BRAND é un santo e un monstro. BRAND é un heroe e un vilán. BRAND é un sabio e un tolo. BRANDé a fe e é a dúbida. BRAND é débil e é forte. BRAND é amor e é odio. BRAND é pura contradición. BRAND é un home capaz de sacrificalo todo polos seus ideais, ata ao seu propio fillo, ata á súa propia muller. BRAND é un berro de guerra: "Ou todo ou nada". BRAND é lume. BRAND é un lume que te consome por dentro. BRAND é un lume que non pode apagarse. BRAND é un lume que arde sen consumirse. BRAND é un lume que non ten piedade nin compaixón. A grandeza e a contemporaneidade desta obra de Ibsen é que BRAND é todo iso á vez. Nese sentido, convértese nun símbolo do noso caótico mundo actual, onde as ideoloxías parecen mortas e as relixións parecen ter deixado paso aos fanatismos...
Intérpretes: Xosé M. Esperante, Teté García, Alejandro Carro, Tanas, Marta Pérez
Versión e Dirección: Carlos Alvarez-Ossorio

