David Amor presenta "No censure"

Na traxectoria deste artista podemos atopar moitas e moi diversas actividades, agora, que se poidan contar, poucas. E é que a vida deste rapaz non foi doada: houbo días que tivo que preparar o seu propio almorzo, metíase na cama e as sabas estaban frías, quedou en máis dunha ocasión sen papel estando no váter…, vamos, o que se di unha vida con complicacións. Ante todas estas adversidades pasou o que tiña que pasar, acabou no vicio. E ademais colleu o peor de todos, un que necesitaba a diario: comer. Isto levouno a facer algo que el nunca pensara en rematar facendo: traballar, pero non en calquera sitio non, no Supermartes . Non vos preocupedes, esta historia remata ben! David sacouse desas compañías e agora, redimido, conta a súa historia por toda Galicia para que ninguén teña que sufrir o que sufriu el.
E se non te fías de nós, le as seguintes críticas:
“Probablemente, un dos mellores humoristas galegos de tódolos tempos” (nai de David)
“E moi juapo e come moi ben” (a súa avoa)
“A min non me envolvades nas vosas andrómenas” (o proxenitor)
“Eu, con tal de que non chegue borracho a casa, que faga o que queira” (a moza)
Con toda esta información, non sei a que esperas.

