altLevo recollendo contos e historias inconscientemente toda a vida, coma calquera. Pero desde hai anos véñoas recollendo e reacomodándomas, coa intención de  contalas de cara a distintos públicos.

Empecei por casualidade e oportunidade. Continúo porque é unha actividade de amor, sentido e paixón: pola lingua, pola oralidade, pola comunicación, por pensar que non se perda un verdadeiro tesouro de historias e contos, e ilo por aí mostrando e ofrecendo coa boca aberta e coa boca chea, falando ademais bencísimo del, que é coma falar dunha das nosas posibilidades de relación e cultura máis ricas e admirables.  

O meu fardo ou repertorio está composto basicamente por contos, historias e memorias ligadas á tradición oral galega e tamén á europea, (na que temos arte e parte), asentadas na cultura agrícola-gandeira e pedestre. E cun toque contemporaneo, para apalparlles que tamén son actuais, que aquí as están e non coma pezas de museo. Tamén invento historias e contos, coma calquera...

Ás nenas e nenos, e á xente grande, intento contarlles ademais, que o que se conta non é unha cifra exacta-exacta, e que a lingua non se pode deixar que se poña de trapo.